“UNHA TÉCNICA SALVAXE” FOI VISITADA POR MÁIS DE 3.000 PERSOAS

“UNHA TÉCNICA SALVAXE” FOI VISITADA POR MÁIS DE 3.000 PERSOAS
Luns 29 de Agosto de 2016 - Lara Rodríguez agradeceu profundamente o labor da Asociación de Amigos da Obra de Wily, en especial o da súa irmá Cruz, “que loita arreo por reivindicar e poñer en valor o traballo deste artista tan querido”.

O venres 26 clausurouse no Museo Ramón Mª Aller a exposición “Unha Técnica Salvaxe”, do artista lalinense falecido en 2006, Antonio Taboada Ferradás, coñecido como Wily. A mostra finalizou cun éxito incuestionable tal e como destacou a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, quen pechou o acto de clausura no que tamén participaron o comisario da exposición, Ángel Calvo, o escritor, Xosé Vázquez Pintor, Celso Fernández Sanmartín e a directora da galería About-Art, María Díaz. Durante os tres meses que durou a exposición, estímase que máis de 3.000 persoas visitaron o centro cultural, o que dá mostra do enorme atractivo que desperta a obra de Wily.

As razóns que explican esta boa acollida, como destaca Lara Rodríguez, pasan por ser Willy, unha persoa moi querida e respectada, non só en Lalín, senón en toda Galicia. Ademais, a súa obra é moi coñecida, “destacando o primitivismo que a asocia ao noso, por razóns como a utilización de material autóctono (árbores) as ferramentas que utilizaba (a golpe de motoserra), o tema (a figura humana), ou a policromía (cores cálidas e frías)”. Alén destes motivos, a alta presenza de público débese aos meses nos que se mantivo aberta a mostra, que son propicios para atraer visitantes. Neste sentido, no mes se xuño, o museo recibiu a visita da maior parte dos nenos e nenas dos colexios da comarca e mesmo de centros doutras provincias, que se achegaron a Lalín en excursións. Así mesmo, os meses de xullo e agosto destacaron pola alta afluencia de público ao centro cultural, especialmente de peregrinos do Camiño de Inverno e de excursións programadas de persoas maiores doutros concellos de Galicia, motivos que propiciaron que tan alto número de persoas se puidese deleitar coa obra de Wily.

Para finalizar, a concelleira de Cultura non quixo deixar pasar a oportunidade de dirixir unhas palabras de agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta exposición tan exitosa. Lara Rodríguez agradeceu profundamente a labor a labor da Asociación de Amigos da Obra de Wily, “en especial o da súa irmá Cruz, que loita arreo por reivindicar e poñer en valor a obra dun artista tan multidisciplinar e trascendente”. “Esta exposición” -prosegue- “foi produto dese traballo incansable”.

Roteiros de Lalín