ÚLTIMO DÍA PARA ENTREGAR AGASALLOS NO DESVÁN DENTRO DA CAMPAÑA “NINGÚN NENO SEN XOGUETE”

ÚLTIMO DÍA PARA ENTREGAR AGASALLOS NO DESVÁN DENTRO DA CAMPAÑA “NINGÚN NENO SEN XOGUETE”
Xoves 4 de Xaneiro de 2018 - González Casares salienta a boa acollida desta iniciativa, que serve para demostrar o sentir solidario de Lalín con centos de doazóns e a participación de voluntarios e de entidades. A campaña permitirá entregar un agasallo por Nadal aos menores de familias en risco de exclusión social e, ao mesmo tempo, serve para fomentar a solidariedade.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou de que mañá, xoves día 4 de xaneiro, será o último día para realizar entregas de material no desván municipal dentro da campaña “Ningún neno e nena sen xoguete 2017”. Este espazo asígnase como punto para a realización de doazóns anónimas, ademais de servir como punto de selección e almacenaxe do material doado durante estas semanas. O desván está situado no número 14 da rúa Memorias dun neno labrego e abre todos os xoves de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 18.00. Esta iniciativa do Concello de Lalín ten o obxectivo de que os menores de familias en risco de exclusión social do municipio non queden sen agasallos por Nadal e, ao mesmo tempo, pretende fomentar a solidariedade como valor inspirador entre as persoas e os grupos sociais, atendendo especialmente á ilusión dos máis novos.

Ademais das doazóns a título individual, un total de 11 entidades do tecido empresarial e social lalinense tamén se sumaron a esta iniciativa. En concreto colocáronse puntos de recollida nos IES Laxeiro e Aller Ulloa, así como nos centros comerciais, Carrefour e Pontiñas Gadis, de onde se retiraron no día de hoxe con numeroso material acopiado. Tamén se instalaron “box” de recollida de xoguetes nas residencias Geriatros e Nosa Señora das Dores. Asemade, a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Lalín doou dúas cestas con produtos gourmet valoradas en 100 euros para sortear. Unha foi entregada por parte do concelleiro, Nicolás González Casares, ás asociacións de Mulleres en Igualdade de Soutolongo e á Asociación Cultural “A nosa escola” de Soutolongo, mentres a outra se entregou á Asociación de Mulleres en Igualdade de Barcia. A recadación polo sorteo das cestas destinouse a mercar xoguetes nunha tenda local para cubrir as necesidades da campaña. Por outra banda, a Escola de Fútbol de Lalín recollou xoguetes a través dun partido de fútbol solidario entre nais/pais/adestradores e cativos/as.

En total vanse beneficiar deste proxecto 50 familias do municipio que se encontren en situación de desvantaxe social con menores de idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos. Grazas a “ningún neno sen xoguete” preto de 100 menores terán garantido un agasallo por reis. En concreto, todos recibirán un xoguete novo a estrear e polo menos un par de agasallos usados en perfecto estado.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, amosou hoxe a súa satisfacción polos resultados dunha iniciativa “que, a falta dun día para realizar entrgas, un ano máis tivo unha excelente acollida entre os cidadáns”, como o demostra o feito de que “se vai cumprir o obxectivo de que o cen por cen dos menores incluídos na campaña deste ano reciban os seus agasallos”. Ademais disto, Casares salienta que “o sentir solidario da poboación en xeral foi moi positivo”. Así mesmo agradeceu a colaboración do grupo de persoas voluntarias que se ofreceron para participar tanto no traballo de selección e clasificación dos agasallos como tamén no empaquetado e asignación dos mesmos. As entregas ás familias terán lugar o venres, día 5.

Roteiros de Lalín