ÉXITO ROTUNDO DA 50 FEIRA DO COCIDO A PESAR DAS MALAS PREVISIÓNS METEOROLÓXICAS

ÉXITO ROTUNDO DA 50 FEIRA DO COCIDO A PESAR DAS MALAS PREVISIÓNS METEOROLÓXICAS
Mércores 7 de Febreiro de 2018 - Todos os restaurantes volveron rexistrar cifras récord de vendas, do mesmo xeito que as que se rexistraron na carpa Mahou, onde o volume de vendas superou, tal e como indicaron a maioría de produtores, a de outros anos

Na tarde de onte os voceiros do Goberno de Lalín, Rafael Cuíña (alcalde), Nicolás González Casares (tenente de alcalde), Francisco Vilariño (concelleiro de Turismo) e Lara Rodríguez (concelleira de Cultura), fixeron balance da 50ª Feira do Cocido de Lalín, que se celebrou a pasada fin de semana na capital do Deza.

Todos coincidiron ao falar do absoluto éxito dunha Feira que cada vez pertence máis á cidadanía e menos aos políticos. Ao mesmo tempo puxeron de relevo o esforzo realizado polo Goberno para alcanzar este éxito no medio século de vida da Feira, coa posta en marcha de actividades que foron moito máis alá que o que foi o día grande, como puido ser a matanza tradicional, o cocido miúdo, a carreira do Cocido, o libro de receitas, o documental conmemorativo etc.

O Goberno tamén se mostrou moi satisfeito pola gran a fluencia de persoas á vila durante o domingo ao longo de toda a xornada. A asistencia á 50 Feira do Cocido foi, como recollen todos os medios, multitudinaria, a pesar das condicións climatolóxicas e das previsións que alertaban de moita neve en Lalín e que provocaron un impacto negativo, polo que incluso se produciron cancelacións de viaxes organizadas nos restaurantes que, non obstante, foron cubertas igualmente polo demais público asistente ao festexo. Así, todos os restaurantes volveron rexistrar cifras récord de vendas, do mesmo xeito que as que se rexistraron na carpa Mahou, onde o volume de vendas superou, tal e como indicaron a maioría de produtores, a de outros anos. En definitiva, a xente encheu de ambiente as rúas de Lalín durante toda a xornada deixando un importante beneficio económico e desfrutando ata moi tarde e a pesar do frío dun día histórico que se pechou na Praza da Igrexa co multitudinario concerto de Treixadura.

O Goberno tamén valorou mo positivamente a consolidación dun novo modelo de Feira do Cocido instalado polo actual executivo, que fuxe da prensa rosa e que ten o protagonismo total na cidadanía a través de iniciativas como distinción Aldea Singular ou a eliminación do palco de autoridades.

Roteiros de Lalín