ÁBRESE O PRAZO PARA SOLICITAR UNHA PRAZA NA VIAXE DE IRMANDAMENTO PARA MAIORES A ESCALDES-ENGORDANY

Martes 17 de Abril de 2018 - Hai un total de 30 postos dispoñibles e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou na sede electrónica con data límite o día 26 de abril. A adxudicación realizarase por sorteo no caso de que o número de persoas solicitantes supero o número de prazas ofertada.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informa de que mañá, 17 de abril, se abre o prazo para presentar solicitudes de participación na viaxe de irmandamento para persoas maiores á localidade andorrana de Escaldes-Engordany, que se celebrará entre os días 10 e 14 de maio. Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio de irmandamento asinado o pasado mes de febreiro entre Escaldes e o Concello de Lalín, que inclúe a celebración de 4 intercambios entre este ano e o que vén. Neste caso, a viaxe está destinada a persoas empadroadas e con residencia en Lalín que teñan máis de 65 anos. Hai un total de 30 prazas dispoñibles e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou na sede electrónica con data límite o día 26 de abril.

A adxudicación de prazas realizarase por sorteo no caso de que o número de persoas solicitantes supero o número de prazas ofertada. O sorteo terá lugar o día 27 de abril ás 09.00 horas no Concello de Lalín ante o Secretario Municipal. Para resultar adxudicatarias, as persoas solicitantes deberán acudir ao sorteo. As beneficiarias ou beneficiarios asumirán o custe do billete de avión de ida e volta entre Santiago de Compostela e Barcelona, así como os custes do seguro.

As persoas que accedan a este programa poderán gozar dunha estancia de 5 días nun hotel de Escaldes-Engordany en habitacións dobres ou individuais en réxime de pensión completa. Entre os obxectivos desta iniciativa está o de fomentar as capacidades sociais e de relación das persoas maiores, favorecer o intercambio de experiencias a través das actividades grupais de ocupación do tempo de lecer, ou promover o encontro entre persoas de diferentes localidades e culturas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín