ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DE CUALIFICACIÓN PROFESIONAL XUVENIL “MOCIDADE ACTIVA”

ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DE CUALIFICACIÓN PROFESIONAL XUVENIL “MOCIDADE ACTIVA”
Luns 9 de Xullo de 2018 - Trátase dunha iniciativa dirixida a 75 mozos e mozas do concello de Lalín de entre 16 e 29 anos, que ademais de formación inclúe prácticas profesionais en empresas Este proxecto desenvólvese grazas a unha subvención concedida ao Concello de Lalín polo Fondo Social Europeo por importe de 424.724,77 euros. O programa comprende os itinerarios de soldadura, atención socio sanitaria a persoas dependentes, servizos de restaurante, desenvolvemento de aplicacións web e xestión de maketing e comunicación. José Manuel Fernández resaltou o interese especial que acada o programa Mocidade Activa “xa que vai dirixido a mozos e mozas que son un dos colectivos sociais que máis están sufrindo o paro”.

O concelleiro de Emprego e Comercio, José Manuel Fernández, informou hoxe de que se vén de abrir o prazo de inscricións para participar no programa de cualificación profesional xuvenil do Concello de Lalín, “Mocidade Activa”. Como sinalou o edil, trátase dunha iniciativa dirixida a 75 mozos e mozas do concello de Lalín de entre 16 e 29 anos que busca mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e a adecuación das súas competencias ás demandas ao mercado laboral, coa implementación de 5 itinerarios integrados e personalizados que creen en mellores as súas capacidades técnicas e persoais, facilitando o seu futuro acceso a un emprego estable e de calidade. Este proxecto desenvólvese grazas a unha subvención concedida ao Concello de Lalín polo Fondo Social Europeo por importe de 424.724,77 euros que se complementará cunha achega municipal ata alcanzar os 462.210 euros.

Os mozos e mozas interesadas no programa poden inscribirse a partir deste luns nas oficinas de emprego do Concello de Lalín, ou a través da páxina web www.lalin.gal. Poderá participar a mocidade de entre 16 e 29 anos residente en no municipio, desocupada e non integrada no sistema de educación e formación. Non obstante é preciso figurar no Sitema Nacional de Garantía Xuvenil. No total de prazas, un 60% é de preferencia para mulleres.

O programa comprende 5 itinerarios integrais de mellora da empregabilidade nos que poderán participar 15 mozos e mozas en cada un:

  1. Soldadura con electrodo e TIG

  2. Atención socio sanitaria a persoas dependentes en institucións

  3. Servizos de restaurante

  4. Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web

  5. Xestión de maketing e comunicación

Cada itinerario está composto por formación profesional ocupacional e específica, formación complementaria, orientación e acompañamento laboral. Así mesmo, cada un ten diferentes requisitos de estudos mínimos, de modo que para os itinerarios 1, 2 e 3, é preciso estar en posesión do título de ESO ou equivalente e para os 4 e 5 do título de bacharelato ou equivalente. Todas as mozas e mozos participantes, ademais da parte formativa e personalizada mediante a que obterán a cualificación necesaria para ocupar un posto de traballo, mellorarán as súas capacidades coa realización dun período de prácticas profesionais non laborais en empresas locais relacionadas coa formación adquirida. Serán en total 2.750 horas de formación específica, 410 de formación transversal, 360 de prácticas e 1.125 de titorías. E, ademais, como lembrou Fernández, o desenvolvemento e a xestión do programa suporá a creación de varios postos de traballo directos.

José Manuel Fernández, puxo de relevo que “o Concello de Lalín está a realizar un esforzo sen precedentes ao longo deste ano para fomentar a creación de emprego no municipio, como se demostra con este plan”. O concelleiro fixo fincapé en que “esta é unha cuestión de absoluta prioridade para o Goberno municipal dende o inicio de mandato” e lembrou que os esforzos xa están a dar os seus resultados, tal e como reflicte o feito de que dende xuño de 2015 as cifras de desemprego se reducisen en máis de 400 persoas no concello de Lalín”. Finalmente resaltou o interese especial que acada o programa Mocidade Activa “xa que vai dirixido a mozos e mozas que son os que máis están sufrindo o paro e os que se atopan con máis dificultade para acceder a un posto de traballo estable”. A esta iniciativa a prol da inserción laboral súmanse outras postas en marcha este ano polo Concello de Lalín como a recente contratación de 20 persoas perceptoras da RISGA dentro dun proxecto que tamén busca loitar contra a exclusión social, así como a de destinar 347.100 euros da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación a contratar a 31 persoas en situación de desemprego ata final de ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín