O CONCELLO INICIA OS CONTACTOS CO SECTOR HOSTALEIRO DE CARA A ORGANIZACIÓN DA EDICIÓN NÚMERO 50 DA FEIRA DO COCIDO

O CONCELLO INICIA OS CONTACTOS CO SECTOR HOSTALEIRO DE CARA A ORGANIZACIÓN DA EDICIÓN NÚMERO 50 DA FEIRA DO COCIDO
Mércores 12 de Xullo de 2017 - O concelleiro de Turismo explica que o Goberno buscará a maior implicación dos diferentes sectores sociais e empresariais para deseñar “unha celebración histórica” Francisco Vilariño resalta que “a Feira do Cocido non só é o gran embaixador turístico de Lalín senón tamén un motor económico fundamental para a vila” Tratáronse, entre moitos outros asuntos, temas relacionados co pin, co Mes do Cocido e co Selo de Calidade Vilariño convida a todos os colectivos sociais, culturais e económicos de Lalín a colaborar no deseño da programación da edición número 50 da Feira, para o que se realizaran diferentes reunións sectoriais nas vindeiras semanas

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, mantiveron esta tarde unha reunión no consistorio con representantes do sector hostaleiro do municipio. Foi un encontro no que empezaron a recollerse as súas propostas e suxestións de cara a organización da Feira do Cocido do vindeiro ano 2018, unha edición na que este evento gastronómico cumprirá o seu medio século de historia e para cuxa organización o Goberno local busca a maior implicación social.

En concreto, tal e como explica o concelleiro de Turismo, a xuntanza tivo como principais obxectivos avanzar na planificación do Mes e da Feira do Cocido, ademais de poñer sobre a mesa diferentes ideas para elección do pin da edición número 50. Outro tema que se abordou foi o relacionado co distintivo do Selo de Calidade do Cocido, que se concede aos diferentes locais en función das valoracións realizadas polo público e que busca preservar os valores do Cocido de Lalín.

Unha vez posta en marcha a comisión municipal que se encargará de deseñar unha celebración que “vai ser histórica”, Francisco Vilariño explica que “tamén buscamos a máxima participación e colaboración de cara a buscar unha organización conxunta e acordada das diferentes actividades”. Nesta liña, o edil indica que o papel que xoga o sector hostaleiro é fundamental para conseguirmos que a Feira do vindeiro ano “sexa un éxito rotundo a todos os niveis e da que todos nos sentiremos orgullosos”.

En calquera caso, Francisco Vilariño incidiu en que Feira do Cocido “non só é que o gran embaixador de Lalín no exterior, senón que tamén é un imprescindible motor económico para a nosa vila”. Por iso, e “co propósito de que as actividades que se organicen arredor desta celebración acaden o máximo beneficio para Lalín, o Goberno vai seguir realizando reunións sectoriais nas vindeiras semanas para coñecer as propostas de todos os colectivos sociais, culturais e económicos da vila”. Por iso “convidamos a todos a participar porque a Feira do Cocido é un patrimonio de todos e na súa organización todos temos algo que dicir”. Desa maneira, conclúe o edil de Turismo, “conseguiremos fortalecer aquelo que se fai ben, mellorar o que faga falta e achegar as novidades que permitan incrementar o seu atractivo e, en consecuencia, aumentar -despois de dous anos de récord- o número de visitantes que atrae a Feira ao noso municipio”.

A edición número 50 da Feira do Cocido terá o seu día grande o 4 de febreiro de 2018.

Roteiros de Lalín