O CONCELLO DE LALÍN PROGRAMA UN GRAN ESPECTÁCULO PIROTÉCNICO PARA A NOITE DO SÁBADO DO COCIDO

O CONCELLO DE LALÍN PROGRAMA UN GRAN ESPECTÁCULO PIROTÉCNICO PARA A NOITE DO SÁBADO DO COCIDO
Xoves 18 de Xaneiro de 2018 - A sesión terá unha duración de entre 10 e 15 minutos e contará con 2.800 artefactos, entre os que se incluirá algún alusivo ao 50 aniversario da Feira. Desenvolverase dende a praza da Vila coa finalidade de que poida ser presenciado polo maior número de persoas sen necesidade de desprazarse do casco urbano. Cuíña salienta o papel que xogará esta iniciativa na dinamización social e económica de Lalín nunha das noites máis especiais do ano. Vilariño destaca que o espectáculo ofrece un atractivo máis para incrementar o número de visitantes que se acheguen ao concello na fin de semana do Cocido

O Concello de Lalín realizará un gran espectáculo pirotécnico na media noite do sábado, 3 de febreiro. Trátase dunha das grandes novidades dentro da programación de actos da Feira do Cocido, que este ano cumpre o seu 50 aniversario. Tendo en conta a relevancia e a importancia histórica desta data tan sinalada, o Goberno municipal decidiu incluír esta sesión de fogos artificiais co fin de encher de contido, de luz e de cor unha das noites máis festivas, especiais e concorridas do ano en Lalín, a da véspera do Cocido.

Co obxectivo de que esta sesión poida ser desfrutada polo maior número de persoas, o espectáculo desenvolverase dende a Praza da Vila, a carón da Igrexa de Lalín, nun emprazamento que ofrece unha centralidade idónea para que poida ser visto dende todo o casco urbano sen necesidade de desprazarse a ningún outro lugar. O espectáculo pirotécnico foi encargado a unha das máis reputadas e punteiras empresas de Galicia, que xa está a traballar no seu deseño. A sesión prolongarase entre 10 e 15 minutos, contará con 2.800 artefactos e, entre eles, incluirase algún alusivo ao 50 aniversario da Feira do Cocido.

En palabras do alcalde, Rafael Cuíña, este espectáculo pirotécnico permitirá “deslumbrar e entusiasmar aos milleiros de persoas que aproveitarán esa noite para desfrutar da inmensa oferta hostaleira e de ocio coa que conta á nosa vila”. Pero non só se trata de ofrecer unha alternativa novidosa e atractiva para os propios veciños de Lalín, senón de propiciar a chegada de máis visitantes de fóra do municipio.

Nesta liña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, indica que “somos conscientes de que o nivel de ocupación hoteleira nesa fin de semana vai ser absoluto, polo que queremos dar unha imaxe dunha vila moderna e dinámica”. Pero, ao mesmo tempo, “tamén sabemos que haberá moitas persoas de municipios limítrofes e do resto de Galicia que, sen quedarse a pernoctar, non deixarán de pasar por alto a oportunidade de achegarse a Lalín para empaparse dun ambiente excepcional, probar un bo prato de cocido e comprobar a elevadísima calidade da nosa hostalería e o noso comercio”.

En consecuencia, non se trata dun acto máis, senón que esta proposta incidirá de maneira considerable na dinamización social e económica da nosa vila e do seu tecido produtivo, contribuíndo aínda máis a que o Cocido siga a ser un dos grandes motores turísticos e económicos de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín