O CONCELLO ACOMETERÁ A SINALIZACIÓN DE VARIOS ATRACTIVOS TURÍSTICOS PARA FACILITAR A SÚA LOCALIZACIÓN E FAVORECER A ATRACCIÓN DE VISITAS

O CONCELLO ACOMETERÁ A SINALIZACIÓN DE VARIOS ATRACTIVOS TURÍSTICOS PARA FACILITAR A SÚA LOCALIZACIÓN E FAVORECER A ATRACCIÓN DE VISITAS
Venres 6 de Xullo de 2018 - Francisco Vilariño explicou que a iniciativa responde á “continua aposta do Goberno por dar a coñecer os recursos turísticos do municipio e atraer potenciais visitantes”. Sinalizaranse od accesos da área de Mouriscade, do Pazo de Liñares, da ruta e do Castro de Doade e do conxunto megalítico de Alperiz.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, vai proceder á colocación de diferentes sinais para marcar os principais puntos de acceso dende o casco urbano e dende outras vías de comunicación a algúns dos recursos turísticos máis importantes do municipio, así como para mellorar a información existente sobre os mesmos. Así o vén de anunciar o concelleiro e Turismo, Francisco Vilariño, quen apuntou que esta actuación ten un orzamento de 10.021 euros e se vai acometer grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra que foi concedida ao abeiro das subvencións provinciais para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.

Concretamente, o concello vai reforzar a sinalización de 5 recursos de especial interese turístico dentro do municipio cos obxectivos principais de fomentar o seu coñecemento, favorecer a súa localización e atraer a potenciais visitantes e usuarios. Trátase da área Recreativa de Mouriscade, o Pazo de Liñares, a ruta do Castro de Doade, o propio Castro de Doade e o conxunto megalítico de Alperiz.

A área de recreo de Mouriscade atópase a 7 quilómetros do casco urbano, na parroquia de Vilanova. É un dos espazos de lecer máis significativos do municipio e sitúase en plena natureza, a carón do río Aseneiro. Conta con diversos servizos e instalacións, tales como un albergue xuvenil, bancos e mesas de pedra, grellas etc. Neste caso o Concello proxecta instalar preto de 20 sinais indicadoras dende o casco urbano de Lalín ata as inmediacións da área recreativa para mellorar a localización e a accesibilidade á mesma. Pola súa banda, o Pazo de Liñares é un dos monumentos con máis sona do municipio. Ademais da súa recoñecida riqueza histórica e arquitectónica, conta nas súas dependencias con salas de exposicións como a de Loriga e a do Museo Galego da Marioneta, así como co Centro do Coñecemento Arqueolóxico vinculado ao Museo de Pontevedra entre e moitos outros espazos multifuncionais e de gran beleza que o converten nun recurso turístico de indubidable interese para toda a comarca, como se reflicte no aumento dun 36% no número de visitantes recibidos durante o 2017. Así, proxectase mellorar a localización do Pazo mediante a colocación de sinais direccionais dende as principais vías que comunican o casco urbano co edificio. A maiores instalarase un panel informativo e didáctico á entrada do aparcamento da casa solarega con contidos sobre a súa historia e os espazos que alberga.

A iniciativa tamén contempla a sinalización da ruta homologada de sendeirismo do Castro de Doade, que ten 14,5 quilómetros de lonxitude con tres derivadas que a comunican co castro, coa Vía da Prata e con outros puntos de interese. Neste caso vaise sinalar coa colocación de sinais informativos sobre o itinerario nos principais accesos á ruta dende as vías principais ao seu paso por Botos, Soutolongo e Mouriscade. Paralelamente tamén se proxecta a actualización dos contidos dos paneis informativos do Castro de Doade incorporando explicacións referentes ás campañas arqueolóxicas do ano 2017. Por último, reforzarase a sinalización do conxunto megalítico de Alperiz, coa colocación de dous sinais direccionais dende a estrada EP-6010 á altura do cruce coa N-640 que marquen con claridade o acceso a este importante xacemento prehistórico.

Francisco Vilariño explicou que a iniciativa responde á “continua aposta do Goberno local por dar a coñecer, dotar das máximas prestacións e facilitar a visita aos principais atractivos turísticos do municipio, coa finalidade de atraer potenciais visitantes e facilitar o coñecemento dos recursos entre os propios lalinenses”. O concelleiro sinalou que a pesar da relevancia que teñen os recursos turísticos sobre os que se vai actuar, tanto a sinalización dos accesos como a información xeral sobre os mesmos era claramente deficitaria. “Porén”, apunta Vilariño, “consideramos imprescindible mellorar a información sobre a localización destes bens para facilitar as visitas e darlles a relevancia que merecen con respecto ao seu enorme interese, que en todos os casos estamos tratando de potenciar”.

En definitiva” -comenta o titular de Turismo- “buscamos que todo o mundo e particularmente as persoas que nos visitan, saiban que poden desfrutar dunha oferta de recursos turísticos atractiva e diversa e acceder aos mesmos con facilidadade e así convertelos en peza clave para a atracción de visitantes a Lalín”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín