Inicio

XIII NOVAS FRONTEIRAS NA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES 2.0:

Violencias, Diversidade, Coeducación, Emocionalidade

ROSACOBOBEDÍA-MIGUELLORENTEACOSTA-IANIREESTÉBANEZCASTAÑO-OCTAVIOSALAZARBENÍTEZ-CHISOLIVEIRAMALVAR-JOSÉIGNACIOPICHARDOGALÁN-ENRIQUELATORRERUÍZ-LUCASPLATEROMÉNDEZ-MªELENASIMÓNRODRÍGUEZ-MARIANMORENOLLANEZA-AHARÓNFERNÁNDEZCUADRADO-AIXAPERMUYMARTÍNEZ-JONBERASTEGUIMARTÍNEZ-ROSALÍAFERNÁNDEZRIAL-MªJOSÉMÉNDEZLOIS-SUSIPAYONEGRO-CELSOTABOADALORENZO


O LEGADO DO FEMINISMO: UNHA MIRADA CARA ATRÁS E UN PASO ADIANTE / DO MACHO AO HOME: UNHA NOVA MASCULINIDADE / DO AMOR AO CONTROL A GOLPE DE CLICK /MATERNIDADE SUBROGADA: CONFLITO ENTRE DESEXOS E DEREITOS / O CORPO COMO CAMPO DE BATALLA / DIVERSIDADE SEXUAL, FAMILIAR E DE IDENTIDADE DE XÉNERO EN CONTEXTOS EDUCATIVOS / O MODERNO PROMETEO: REPRESENTACIÓNS, USOS E ABUSOS CIENTÍFICOS DO CORPO / TRANS*FORMAR AS EXPECTATIVAS / A COEDUCACIÓN NECESARIA: UNHA PROPOSTA PARA A IGUALDADE, A PAZ E A SAÚDE / COEDUCACIÓN EN ACCIÓN / HOMES DE COIDADO, PEQUES COEDUCADXS / LIBERDADE DE SER E SENTIR: COEDUCACIÓN DAS EMOCIÓNS / EDUCACIÓN DAS EMOCIÓNS NO FÚTBOL DE ÉLITE / ÉTICA E POÉTICA DA ESCOLA COEDUCADORA

Os roles e estereotipos de xénero uniformaron e homoxeneizaron o “masculino” e o “feminino”, como si existise unha maneira única de ser home ou muller, ou como se todas as mulleres ou todos os homes foran iguais. Foron precisamente os roles e estereotipos os que fixeron persistir e permanecer, ao longo da nosa historia as diferencias sexuais no reparto de tarefas e de responsabilidades, nas opcións profesionais, etc..., determinando as que eran propias de homes e distinguíndoas daquelas propias de mulleres.

Desta maneira, a identidade sexual (saberse e sentirse muller ou home) fica impregnada polos trazos de xénero (a identidade da muller implica feminidade e a do home masculinidade). Como consecuencia, sexo e xénero acaban por ser apreciados como un todo case indisoluble, que dificulta a diferenciación entre as cualidades biolóxicas e as psicosociais adquiridas e, polo tanto, o control e a corrección dos factores de desigualdade.

A educación afectivo-emocional e sexual con enfoque de xénero, moitas veces esquecida no currículo educativo, é fundamental na formación da personalidade, influíndo positivamente na calidade de vida, na adquisición de hábitos básicos de saúde e benestar, na vivencia do pracer sexual e na consecución da felicidade e, en último termo, na loita contra as violencias machistas e heteropatriarcais.

Durante este curso consideraremos os tres ámbitos no proceso de creación e modificación da identidade de xénero: o que fan as persoas, é dicir, as prácticas diarias da vida e os roles sociais que desenvolven, o que cren ser, entendido como as representacións sociais do xénero, as crenzas, estereotipos e actitudes, e o que esperan chegar a ser, ou o que espera a sociedade que cheguen a ser, é dicir, as expectativas sociais.

Toda familia socializa a nenos e nenas en función do seu particular modo de vida, que está influenciado pola realidade social, económica e histórica da sociedade na que está inserta. Pero cando estamos falando de certas temáticas cheas de estereotipos ou definidas en certas situacións como temas tabú dentro da familia, na sociedade actual, podemos pensar que o ambiente académico ou escolar, parece o máis propicio para esta ensinanza, xa que dentro do ámbito familiar existe, por unha ensinanza tradicional e androcéntrica, unha maior resistencia a tratar estes temas, co conseguinte perigo para a infancia debido a que se ve obrigada a buscar a información a través doutras canles pouco ortodoxas.

A escola ten por obxecto inducir e estimular, no alumnado, o proceso de se converter en persoa a través da maduración integral de todas as capacidades potenciais, non só as cognitivas, senón tamén as afectivas e as condutuais. Desde a filosofía coeducativa resulta imprescindíble traballar estes contidos transversais e actitudinais nas aulas, para que a escola non se limite a ser só instrución senón un lugar de formación de persoas, e para iso as nenas e os nenos deben ser protagonistas do proceso de aprendizaxe, mediante a súa participación activa, propiciando unha contorna na que lles resulte doado falar das súas dúbidas, preocupacións e temores particulares, en relación a un tema que en xeral resulta difícil e delicado de abordar por parte do profesorado e do propio alumnado.

As imaxes que representan ás mulleres e aos homes, como persoas reais ou figuradas, a través das distintas linguaxes que manexamos (oral, icónica, escrita, plástica, audiovisual) facilitan unha determinada percepción da realidade. Se a linguaxe que utilizamos é sexista, racista, homófoba... reproduciranse roles e estereotipos de xénero no acto comunicativo, entre as persoas que exerzan de emisoras e as que fagan de receptoras das mensaxes, que, como educadoras/es, deberemos saber analizar e avaliar co obxecto de contribuír a que se constrúan e difundan outras imaxes libres de calquera condicionante social e cultural.

Os estereotipos sexistas que se presentan nos medios de difusión son, con frecuencia, discriminatorios, degradantes e ofensivos para as mulleres e tamén para moitos homes. Dende a escola e dende os diferentes espazos educativos debemos reflexionar sobre os modelos de comunicación de masas para tratar de ter as ferramentas que nos permitan suprimir a proxección constante de imaxes negativas e degradantes da muller nos grandes medios de comunicación, sexan electrónicos, impresos, visuais ou sonoros.

O feito de que as escolas estean aparecendo máis nas páxinas de sucesos dos xornais que nas seccións de educación e cultura debería preocupar seriamente a todos os membros da comunidade educativa. Os episodios de violencia entre iguais e violencia entre profesorado e alumnado nos centros educativos, parecen ter unha gran capacidade para atraer a atención pública, causando o que hoxe en día se está estendendo como un feito transcendente de alarma social, co que á aparentemente nova lacra das violencias escolares, se engaden ás innumerables fontes de demanda e presión social coas que os centros educativos e o profesorado teñen que enfrontarse.

En calquera caso, as educadoras e os educadores son cada vez máis conscientes da envergadura do tema que neste curso se pretende tratar; sabendo que, para comezar, debemos formulalo en positivo e con perspectiva de futuro, é dicir, non se trata tanto de que facemos para enfrontarnos aos casos de violencia, como de que facemos para converter os centros educativos en espazos axeitados para a aprendizaxe da convivencia nun marco democrático.

É interesante establecer ademais que a maior parte dos fenómenos que teñen lugar entre o alumnado, o bullying, o acoso sexual, a LGBTIfobia, ou certo tipo de agresións e extorsións, resultan invisibles tanto para nais e pais como para o profesorado. Por outra banda, a disrupción, a falta de disciplina e a maior parte das agresións ou o vandalismo, son certamente ben visibles, o que pode levar a caer na trampa de supor que son as manifestacións máis importantes e urxentes para tratar, obviando así os fenómenos caracterizados pola súa invisibilidade. Tamén é interesante que pensemos a que actores e actrices da comunidade educativa lles preocupa máis, ou menos, cada unha das diferentes representacións de comportamento antisocial, así mentres ao profesorado lle preocupa e lle afecta de maneira especial a disrupción e, en segundo termo, a indisciplina, sen embargo, ás nais e pais, á administración educativa, e á opinión pública aféctanlles moito máis os episodios, supostamente illados, de violencia física (sobre todo do alumnado ao profesorado e viceversa) e o vandalismo. Por último, o alumnado, pola súa parte, está máis preocupado e sen dúbida máis afectado polos fenómenos invisibles do bullying, a extorsión e o acoso sexual e as súas representacións nas redes sociais (ciberbullying, sextorsión e grooming).

Por todo o dito, o contido central e transversal a tratar neste curso, será o das violencias por razón de xénero en toda a súa extensión, baseadas nunha inaceptable relación de poder e submisión. É unha lacra social que afecta a todos os países sen excepción, a sectores da poboación dos máis diversos niveis socioeconómicos, culturais e educacionais, sen respectar idade, sexo, etnia ou condición social.

É fundamental analizar como os mozos e as mozas conforman a súa identidade na escola e na familia a través de modelos tradicionais sexistas. Ponse de manifesto o abismo existente entre a igualdade formal e a igualdade real que existe na escola, que non só impide percibir o verdadeiro grao de desigualdade existente, senón que oculta prácticas discriminatorias e reproduce os estereotipos sexistas que se pretenden erradicar. Fai referencia a como as mozas constrúen a súa identidade mediante a imitación das prácticas masculinas, como rexeitamento á feminidade socialmente devaluada, e como a multiplicidade das situacións violentas de baixa intensidade levan a normalizar e minimizar a violencia de xénero.

Faremos fincapé en que os mitos do amor romántico, que tanta forza teñen a esta idade, perxudican seriamente a igualdade, porque seguen representando aos homes e ás mulleres como seres diferentes con roles opostos pero complementarios. As mulleres son educadas para o amor, para que desexen ser amadas por riba de calquera cousa, para que se lles meta na cabeza a idea de que soas non son nada. Aos homes en cambio mutílaselles emocionalmente para que non mostren os seus sentimentos en público, para que gocen da súa liberdade e fuxan das mulleres ata que non lles quede máis remedio que asentar a cabeza e formar unha familia.

A educación afectivo-emocional e sexual con enfoque de xénero, moitas veces esquecida no currículo educativo, é fundamental na formación da personalidade, influíndo positivamente na calidade de vida, na adquisición de hábitos básicos de saúde e benestar, na vivencia do pracer sexual e na consecución da felicidade e, en último termo, na loita contra as violencias machistas.



Obxectivos


  • Incrementar a conciencia sobre a violencia de xénero na sociedade civil, a fin de non limitar o debate sobre os medios para combater a violencia só a pequenos grupos, co risco de auto-referencialidade.
  • Evitar a hexemonía, xeral ou parcial, e ampliar a discusión e as achegas sobre as mellores accións de sensibilización e loita contra a violencia de xénero.
  • Mellorar as habilidades das/os estudiantes para contribuír a fortalecer o protagonismo e as posibilidades, deles e delas, de influír na comunidade.
  • Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas e a análise de novas propostas.
  • Facilitar o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
  • Incrementar o número de homes sensibilizados e que participan activamente a favor da igualdade de oportunidades.
  • Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que os afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.
  • Facilitar o encontro de profesionais dos distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, especialmente o profesorado, favorecendo o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
  • Entender as relacións existentes entre familia, escola, comunicación social e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
  • Debater sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo.
  • Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación cos procesos educativos que favorezan a comunicación igualitaria.
  • Abrir espazos de reflexión en torno ao sexismo que existe na comunicación humana, ofrecendo alternativas e proporcionando instrumentos para que, desde calquera ámbito, se potencie a utilización dunha linguaxe non sexista e se trate a información desde parámetros non discriminatorios.
  • Dispoñer de recursos (simbólicos, semánticos, gramaticais, etc) para articular alternativas á comunicación sexista, racista, homófoba, etc.
  • Capacitar ao alumnado no manexo de técnicas para rachar cos estereotipos sexistas e evitar a súa reprodución.
  • Potenciar un uso seguro, responsable e saudable de internet e das diferentes redes sociais, fomentando as oportunidades e reducindo as ameazas.
  • Facilitar ao profesorado e ás familias o coñecemento de potenciais perigos no uso das redes sociais (contacto con persoas extranas, ciberbullying, acceso a contidos nocivos,...) así como o establecemento de medidas e estratexias de protección.



Público a quen vai dirixido


  • Alumnado universitario.
  • Profesorado.
  • Diplomadas/os, licenciadas/os, doutoras/es ou profesionais que traballen en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa practica profesional ou no seu acervo de coñecementos.
  • Profesionais e persoal técnico de institucións públicas e privadas: Concellos, Comunidades Autónomas, Administración do Estado.
  • Educadoras/es sociais.
  • Traballadoras/es Sociais e Orientadoras/es.
  • Profesionais do Lecer e o Tempo Libre
  • Profesionais dos medios de comunicación.
  • Community manager e profesionais da comunicación en Social Media.
  • Educadoras/es, ANPA, Asociacións sociais e/ou culturais, Fundacións, ONG, Partidos políticos, Sindicatos...


Galerías

XI Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0

Roteiros de Lalín

LALIN AXENDA

DESPLIEGUE 4G EN LA BANDA DE 800 MHZ
http://directorio.lalin.gal
Canal Cultura Telegram, para ver a programación cultural de Lalín
En Lalín do 5 de maio ao 21 de xullo
Domingo 14 de maio. Vilatuxe (Lalín)