Historia

O coengo Buenaventura Cañizares deixou probado con documentos demostrativos que o topónimo Lalín ven de "Lalino", un colono do Conde de Deza que tivo ó seu cargo as terras nas que, anos máis tarde (980), se erixiu o mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba.

En tempos prehistóricos, xa estiveran poboadas estas terras. Así o testemuñan os castros de Donramiro e Goiás, a pouca distancia de Lalín, e mesmo o castro que algúns historiadores sitúan no lugar que hoxe ocupa o parque do aviador Loriga, sobre o que na época sueva se construíu unha torre-fortaleza. Precisamente ó abeiro desta fortaleza medieval xurdiu o casal da Torre, que con outros casais illados formou o primitivo núcleo urbano de Lalín no século XIX. Torre-fortaleza que logo pasaría ós Suárez de Deza-Churruchao, e nos últimos tempos, antes da súa destrucción, ó Conde de Lemos. Derrubado en 1846, só quedou en pé ata os primeiros anos deste século a torre da homenaxe, á beira da que se erguía un vello carballo chamado "da manteiga". A finais do XVIII, o lugar da Torre estaba formado por sete casas, nas que se daba comida e aloxamento a moitos feirantes, que concorrían ás dúas feiras mensuais, e ós viaxeiros que transitaban de Ourense a Santiago, e de Lugo a Pontevedra.

A vila de Lalín, formada xa polos casais da Torre, Barrio de Abaixo, Tirabeque, Cacharela, Pontillón e outros, contaba en 1930 con pouco máis de trescentos veciños. Virían logo os anos do desenvolvemento e do progreso, ata converterse nos nosos días na vila máis importante da Galicia Central.

Fonte: "A Comarca de Deza." Armando Vázquez Crespo / Daniel González Alén

Roteiros de Lalín