Turismo

Parroquias - Turismo

A vila de Lalín, capital do municipio e cabeceira da Comarca de Deza, constitúe un punto de referencia dentro do mapa de comunicacións de Galicia. Precisamente, esta situación privilexiada no centro da comunidade autónoma contribuíu nos últimos anos ó seu despegue como centro comercial e de servizos dunha ampla zona gandeira. Así, a pesares de que en 1960 a vila non era máis que un pequeno núcleo de poboación, formado por varias reas de edificacións ó longo das estradas Ourense-Santiago e Lugo-Pontevedra, na actualidade xa acolle a 8.338 veciños. Unhas das sinais de identidade da vila de Lalín é a igrexa parroquial, que comezou a ser construída no ano 1888 sendo alcalde Benito Calviño e que quedou rematada en 1915. Nas súas inmediacións atópase o monumento erixido polo pobo lalinense ó célebre astrónomo e matemático Ramón María Aller. A obra, do escultor Asorey, loce na súa base a lenda "ciencia, humildad y virtud", que resume a vida deste fillo ilustre de Lalín. Tamén de Asorey é o monumento ó aviador Joaquín Loriga, situado no Parque de Loriga, que foi inaugurado no ano 1933 e que representa un avión chantado na terra a modo de cruz latina, xunto coa figura do aviador e dúas mans estreitadas, simbolizando a unión entre os pobos de España e Filipinas -perpetuando así a xesta do ilustre lalinense-. Por outra banda, a vila de Lalín ofrécelle ós seus veciños na actualidade tódolos servizos que se poden atopar nunha grande cidade, tanto no eido sanitario, como no educativo, deportivo, lúdico ou cultural. Esta ampla oferta amosa que a pequena vila de Lalín está inmersa nunha profunda metamorfose que está a convertela xa na gran capitalidade do interior de Galicia.
Fonte: A Comarca do Deza. Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén

Festividade: Virxe das Dores
Poboación: 9490 habitantes
Extensión: 4,5 quilómetros cadrados
Densidade de pob.: 2108,89
Altitude máx.: 552 metros
Código postal: 36500
Distancia a Lalín: 0 quilómetros
Lugares: Lalín .

Albarellos

Nacida en torno a un mesón situado a carón do antigo camiño real, conserva varias mámoas e dúas casas grandes. O embelecemento no entorno da súa igrexa fíxoa merecedora do Premio de Mellora Paisaxística no ano 2000. Os seus montes teñen privilexiadas vistas cara á conca do río Arnego.

Alemparte

Alemparte une Lalín con Rodeiro, a través da ponte romana que comunica con Pedroso, e foi a fronteira do dominio dos monxes de Oseira: o seu escudo pódese ver na fachada da igrexa. Os bos pastos inciden directamente no seu desenvolvemento gandeiro. Conserva unha mámoa no Monte do Aviseiro, e alenda da Pena do Coto.

Alperiz

Alperiz conserva a capela-igrexa edificada no século XIII, da que se mantén a portada, varios canzorros e algúns elementos no interior. Na parroquia atópanse numerosos restos arqueolóxicos, entre os que destaca o Altar do Sol, unha das mámoas que se poden visitar así como algúns petroglifos. A antiga fonte de riqueza que supoñía o gando cabalar deixou paso nos últimos anos a unha economía baseada no vacuno e derivados lácteos.


Anséan

Regada polo río Deza, a parroquia de Anseán linda co municipio de Silleda. Conserva unha casa solar, coas armas dos Mondragón, Puga e López. Entre os seus atractivos naturais, cómpre destacar as súas carballeiras, con carballos e castiñeiros centenarios; pola súa banda, as beiras do río Deza acollen varios vellos muíños. A súa igrexa, pequena e recollida, foi inaugurada no ano 1913, sendo de estructura convencional.

Anzo

Anzo, entre o Carrio e o Deza, conserva a estructura de vellas casas grandes como as de Golmar, a de Velón, ou a de Noguerol. Xunto co seu castro, destaca a igrexa románica, unha das que máis elementos conserva da súa primitiva estructura do século XII. Tamén pode verse, no Cruceiro, a capela das Mercedes. No Agro do Sisto atopáronse sepulturas xermánicas, e dase por certo o achádego dun tesouro de moedas de ouro, ó derrubar un vello caserío.

Barcia

A carón do río Asneiro, conta cunha das carballeiras máis grandes de Lalín, onde se celebra tódolos anos a Romaría dos Maiores. Así mesmo atópase unha casa fidalga que foi das máis ricas na comarca, fundada no século XVII por Antonio Gil. A súa igrexa é de construcción recente, datando a súa torre e fachada de 1878; ó seu carón érguese un cruceiro, con altar para a procesión do Corpus, con imaxes do Crucificado e a Dorosa sobre o seu capitel.

Bendoiro

Tivo un destacado lugar nas comunicacións da Galicia Central, xa que aquí confluían os camiños reais de Ourense a Santiago e a súa desviación cara A Coruña. Conserva pegadas do pasado, como un castro, no que a tradición sitúa unha cova da moura. A igrexa parroquial, de estilo renacentista sobre a antiga estructura románica, garda a capela sepulcral dos Taboada; un cruceiro, catro capelas e dúas casas fidalgas forman parte do patrimonio de Bendoiro.

Bermés

Situada á sombra do monte Carrio, foi cuna do Matemático Rodríguez, que situou nela o centro xeográfico de Galicia. En 1978, descubríronse en Bermés catro estelas funerarias dos séculos I-III, preto do centenario Carballo Grande. Celébrase aquí o Clamor, rogativa para demandar choiva, cun intercambio de imaxes entre Bermés e Vilariño (Agolada), e a recuperada Feira das Mulas ou Feira do Vento, no lugar do mesmo nome.

Botos

Botos conserva do seu pasado dous pequenos castros, a cada lado do río Deza. Cuna do xenial artista Xosé Otero Abeledo "Laxeiro", que descansa no cemiterio de A Romea desta mesma parroquia. A estación de ferrocarril e o polígono industrial fan de Botos unha referencia obrigada na Comarca, así como o seu río: pola proximidade a Lalín, era a natural praia fluvial da localidade. Cómpre destacar en Botos o cruceiro que se ergue preto da igrexa, así como a imaxe da Virxe, que aparece co Neno Xesús nos brazos.

Busto

A parroquia é anexa á de Losón e festexa o seu patrón San Facundo o vintesete de novembro. Aínda que non se coñece ningún xacemento arqueolóxico, consta a súa existencia nos séculos medievais. Dignas de mención, e visita aconsellable, son as estranas formacións pétreas dos Castrelos, na ladeira do monte. Outro tanto pódese dicir do regato local, cun nome tan evocador como o de Portorreimouro.

Roteiros de Lalín

AGENDA Turismo

Domingo 14 de maio. Vilatuxe (Lalín)