Turismo

Información de interese

O concello de Lalín, cunha superficie de 326,8 km2, é o cuarto municipio de maior extensión de toda Galicia e o primeiro na provincia de Pontevedra, goza dunha situación privilexiada no corazón da Comarca do Deza.

Os seus lindes naturais son; o río Deza, a Serra do Candán e os Montes do Testeiro ao sudoeste,a Serra do Carrio ao norte, e o río Arnego e as estribacións da Serra do Faro ao este.

Linda cos concellos de : Silleda polo oeste, con Vila de Cruces e Agolada polo norte, Rodeiro e Dozón polo este, e con Forcarei e O Irixo polo sur.

O clima lalinense é oceánico de fachada occidental, caracterizado por un réxime térmico suave e precipitacións abundantes repartidas durante todo o ano. A temperatura media anual é de 12ºC.

Un dos rasgos distintivos deste concello é a conservación dunha elevada proporción de especies arbóreas autóctonas.

As masas arbóreas ocupan máis da cuarta parte do termo municipal, estando constituídas por soutos e bosque de carballos, castiñeiros, piñeiros e sobreiras.

Con respecto a súa fauna, identifícanse 127 vertebrados, destacando as aves e os reptís.

A variada flora do bosque das ribeiras do Arnego, ofrece unhas condicións excelentes para o desenvolvemento de hábitats para o refuxio de especies coma; nutrias, etas, corzos, xabaríns, azor, garza real, merlo acuático, martiño pescador, oropéndola. Ademais o Arnego é un excelente río troiteiro con algún dos mellores coutos de pesca de toda a provincia.

A localización xeográfica de Lalín, no denominado “ Quilómetro Cero de Galicia” e equidistante das principais cidades, converteu a este municipio nun importante enclave loxístico dentro da Comunidade.

A poboación de Lalín é de 20.100 habitantes e , a pesares de tratarse dun municipio do interior, a evolución demográfica experimentada presenta unha tendencia claramente ascendente.

Nisto inflúen factores como a condición de Lalín como cabeceira da Comarca do Deza, que integra a seis municipios, e a puxanza do entramado empresarial local.

A poboación lalinense ten unha distribución case equitativa entre o núcleo urbano, que acolle a 10.000 veciños, e as 51 parroquias do entorno rural.

Na actualidade, Lalín conta cunha economía diversificada, posto que a tradicional actividade agrícola e gandeira foise complementando cun sector industrial moi variado con empresas de renome nas ramas do téxtil, a carpintería metálica e de madeira, a construción e as industrias agrarias. Esta simbiose entre os sectores primario e secundario súmase ao progresivo desenvolvemento que, por ser capital da comarca, están experimentando as actividades de servizos.

Roteiros de Lalín