A BRIGADA DE OBRAS INICIA O ARRANXO DA BEIRARRÚA DE ACCESO AO COLEXIO XESÚS GOLMAR

A BRIGADA DE OBRAS INICIA O ARRANXO DA BEIRARRÚA DE ACCESO AO COLEXIO XESÚS GOLMAR
Martes 10 de Abril de 2018 - A intervención comprende o acondicionamento dun treito duns 50 metros con lousas soltas e profundos afundimentos. Francisco Vilariño sinalou que a actuación continúa a senda doutras emprendidas polo Goberno local para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria, particularmente en zonas sensibles como pode ser o acceso aos centro educativos.

A Brigada de Obras e Servizos do Concello de Lalín deu inicio esta mañá aos traballos de arranxo da beirarrúa da rúa Memorias dun neno labrego que dá acceso ao colexio Xesús Golmar. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou o inicio dunhas actuacións mediante as que se acondicionará de xeito integral un treito de máis de 50 metros afectado por fendas e profundos afundimentos provocados polo desgaste froito do paso do tempo e polo estacionamento indebido de vehículos. Estas reparacións renovarán por completo a beirarrúa dunha zona moi transitada, xa que funciona como un dos puntos de entrada principal ao CEIP Xesús Golmar, no que cursas estudos centos de nenos e nenas.

Francisco Vilariño explicou que grazas á recente incorporación dos novos operarios da brigada de Obras e Servizos a través dos plans da Deputación, foi posible dar inicio a esta intervención moi necesaria e demandada polos pais e nais do alumnado do centro educativo, así como polos seus dirixentes. O concelleiro sinalou que en meses anteriores o Concello xa executou neste treito traballos puntuais de mantemento e reposición do enlousado deteriorado, non obstante, os múltiples afundimentos e as abundantes plaquetas soltas e quebradas fixeron necesaria unha actuación de maiores dimensións na que se contempla o arranxo completo da beirarrúa.

Esta intervención” -engade Francisco Vilariño- “continúa a senda doutras emprendidas polo Goberno local para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria, particularmente en zonas sensibles como pode ser o acceso aos centro educativos, eliminando barreiras arquitectónicas e permitindo os desprazamentos a pé seguros, dándolle prioridade ás persoas e favorecendo o tránsito de toda a veciñanza”.

A concellería de Obras vén desenvolvendo numerosas liñas de actuación para introducir importantes melloras en materia mobilidade e acceso aos servizos públicos, que terán continuidade ata final de mandato. Nesta liña, Francisco Vilariño lembrou novamente que “a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos” e recalcou que con este tipo de traballos “se beneficia a toda a poboación, posto que se mellora a accesibilidade viaria e se favorece o tránsito peonil”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín