O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA DE AXUDA ALIMENTARIA A FAMILIAS CON ESCASOS RECURSOS POR NADAL

O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA DE AXUDA ALIMENTARIA A FAMILIAS CON ESCASOS RECURSOS POR NADAL
Luns 11 de Decembro de 2017 - Destínanse un total de 5.000 euros a esta iniciativa a favor da integración social. Distribuiranse bonos entre os beneficiarios canxeables por produtos frescos na Praza de Abastos. Esta modalidade garante a privacidade dos usuarios e, ao mesmo tempo, serve para dinamizar o comercio de Lalín favorecendo a economía local e circular.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, ven de anunciar a posta en marcha do programa de axuda alimentaria a familias lalinenses con escasos recursos por nadal. Trátase dunha iniciativa que o Concello de Lalín vén levando a cabo nos últimos anos co fin de facilitar alternativas e recursos a favor da integración social a aquelas persoas que se atopen en situación ou en risco de exclusión social, nunhas datas tan sinaladas como o nadal. A cantidade económica que se empregará para esta iniciativa social é de 5 mil euros.

O número de familias beneficiadas por esta iniciativa roldará as 200, un número similar ao do ano pasado. O sistema de entrega de alimentos vai ser o mesmo que o que se leva a cabo dende o 2015. O Concello distribúe bonos canxeables por produtos frescos (carne, peixe, froita, verduras...), que as familias seleccionadas polos servizos sociais municipais deberán empregar na Praza de Abastos. Selecciónanse neste caso produtos frescos por ser moi consumidos nestas datas, ademais de que outras campañas solidarias de recollida alimentaria xa adoitan centrarse en produtos non perecedoiros. Con esta modalidade o Concello, ademais de contribuír a facilitarlle parte do alimento a familias con dificultades por nadal, garante a privacidade e o anonimato absoluto dos beneficiarios e permite, ao mesmo tempo dinamizar o comercio de Lalín favorecendo a economía local e circular.

Roteiros de Lalín