CONTINÚA ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA RUTA BTT DO COCIDO

CONTINÚA ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA RUTA BTT DO COCIDO
Luns 22 de Febreiro de 2016 - As anotacións deben realizarse a través das páxinas web www.emesports.es, ou www.alambikelalin.com, antes do día 2 de marzo. Ao rematar a proba, os que o desexen, terán a oportunidade de degustar un cocido no restaurante La Estación de Botos.

O concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, recordou esta mañá que segue aberto o prazo para inscribirse na Ruta BTT do Cocido 2016, que se celebrará o día 6 de marzo, organizada polo Club Ciclista Alambike en colaboración co Concello de Lalín. As anotacións deben realizarse a través das páxinas web www.emesports.es, ou www.alambikelalin.com, antes do día 2 de marzo. O prezo por participante é de 10 euros para ciclistas federados, debendo aboar 15 euros máis os non federados ao ter que pagar o seguro por un día. Este prezo inclúe a cronometraxe, unha camiseta conmemorativa, os servizos de mecánica, os servizos médicos e de seguridade, así como o avituallamento tanto sólido como líquido.

A Ruta BTT do Cocido 2016 percorrerá unha distancia de 45 quilómetros de dificultade media-alta. A saída da proba terá lugar dende o Lalín Arena a partir das 09.00 horas, con recollida de dorsais dende as 07.45 ás 09.00. Ao rematar, os que o desexen terán a oportunidade de degustar un cocido no restaurante La Estación de Botos a un prezo de 25 euros. As inscricións para participar no xantar deberán facerse antes do29 de febreiro.

A ruta partirá de Lalín en dirección á Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, cuxa contorna presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza. Logo deste apracíbel inicio, a ruta cruza o principal afluente do Deza, o Asneiro, e, tras pasar o Pozo Negro e subir a Puxallos, percorrerá un treito da Vía da Prata. Por camiños de vello e corredoiras enfiará cara o val do río Seixas, parte del xa no veciño concello de Dozón. Un agradábel paseo a carón deste río, nunha das paraxes máis fermosas da comarca dezá, servirá para afrontar a subida a Seixas e encamiñar a volta cara a Lalín, pola parroquia da Xesta, onde de novo se cruza o Camiño de Santiago.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín